Características físicas

Desde un punto de vista morfolóxico os canóns do Sil e do Miño presentan unhas singularidades cuantitativas que identifican un territorio de grandes contrastes e de magnitudes extremas. A primeira delas é a fenda profunda que supoñen os ríos na rocha granítica e metamórfica, con diferentes consecuencias, ao longo dun extenso período de tempo, dende o Terciario ata a actualidade.

A segunda é a forte pendente dos seus vales, que en inclinacións medias superiores a 30º (60%) en moitas zonas superan os 80º (pendente moi superior ao 100%) ata os 88º e mesmo paredes verticais, con alturas de ladeira duns 500m. Estas ladeiras rematan contra zonas chairas con pendentes inferiores ao 16º e conforman a fértil paisaxe da bocarribeira.

Tanto no Sil coma no Miño obsérvase unha división entre paisaxes graníticas e metamórficas, graníticas na parte occidental do Sil e norte do Miño e metamórficas na oriental do Sil e sur do Miño entre Belesar e Os Peares. O substrato rochoso xera diferentes manifestacións apreciables, en ocasións verdadeiras coleccións de pedra núa rodeada de pequenas fendas intensamente vexetadas, dun alto valor ecolóxico e estético.

Estas condicións especiais dos profundos vales de ribeira supoñen tamén a concreción dunhas condicións climáticas específicas e diferenciadas, con temperaturas superiores aos 20º en verán, de 8º no inverno, incluso máis extremas, con mínimas de -5º e máximas superiores aos 40º. As precipitacións anuais son tamén escasas, ao redor dos 600mm, e con fases de escaseza hídrica.

A flora polo tanto adáptase e favorece as especies cara un aspecto mediterráneo, na que de forma natural abundan o rebolo, a aciñeira e a sobreira, os érbedos, os toxos, as uces e os piornos. Nas beiras dos ríos os salgueiros e chopo.s Entre a vexetación introducida, destaca principalmente o castiñeiro e as vides.

En principio, as elevadas pendentes semellan pouco favorables para desenvolver unha actividade agro-grandeira sustentable, mais un longo proceso de adaptación e transformación reforzada polas características específicas destes terreos con respecto aos do seu redor serviu para potenciar a súa singularidade.

Entre estas condicións vantaxosas están a exposición a unha máis eficaz orientación ao sol e a dispoñibilidade natural para crear un solo artificial, coa modificación da súa superficie natural, mesturando a capa superficial alterada e mesturándoa co recurso ilimitado de toxos, uces e esterco animal, abancaladas empregando a mesma pedra en pequenas terrazas horizontais de apenas unhas decenas de centímetros, e criando o substrato ideal para desenvolver unha agricultura de vides e oliveiras tamén favorables ás condicións climáticas.

Os asentamentos e vivendas tamén usan os mesmos recursos, elixindo nun terreo accidentado aqueles lugares máis propicios, sexa próximos ao fondo do val ou nas ladeiras en función da posibilidade das pendentes e da orientación. Estas diferencias á exposición ao sol implican unha diferencia e contraste en ocasións entre as dúas marxes do río, cunha zona exposta extensa e intensamente humanizada e outras sombrías nas que abundan as árbores mestas e unha vexetación.