Capela do poboado dos Peares (Carballedo)

O poboado dos Peares é unha obra de Antonio Tenreiro Brochón que foi proxectado no ano 1956 e pode ser considerada un exemplo senlleiro da arquitectura de mediados de século XX que naceu da profunda inquedanza renovadora dunha xeración de arquitectos que intenta durante a ditadura, asimilar a súas propostas ás que se estaban a desenvolver no resto do mundo baixo unha relectura da tradición vernacular.

A capela forma parte do poboado que se levantou para albergar aos traballadores da central hidroeléctrica de Os Peares, que se construíu na marxe esquerda do río, augas abaixo da presa, aproveitando unha escarpada pendente. O pequeno templo proxectouse a partir da modificación dun pequeno edificio administrativo que quedou en desuso. Atópase na parte máis alta do poboado, dominando o encoro. A intervención consistiu na conservación dunha serie de elementos existentes de aos que se engadiron outros novos, segundo a memoria que se conserva. Deste xeito mantivéronse o forxado do piso e os muros laterais de ladrillo, pero erixiuse o campanario que orixinalmente albergou a sancristía.

A estrutura de formigón que se apea sobre os soportes dos pórticos permitiu abrir grandes ventás na parte alta dos muros, favorecendo unha iluminación cenital cun marcado valor simbólico, nun edificio relixioso destas características.

Dada a forte pendente do terreo, na base da construción dispúxose no proxecto de Tenreiro, a vivenda do párroco e unha pequena sala de conferencias, que hoxe foron rehabilitados para ter novos usos. As recentes intervencións no inmoble fan que se conserve en moi boas condicións, e pese a perder algunha das súas condicións espaciais orixinais, segue a ser mostra da capacidade de integrar a inspiración vernácula e tradicional nos parámetros da arquitectura moderna.