Bens inmobles catalogados singularmente no ámbito da paisaxe cultural

Os bens catalogados en función do disposto nos artigos 28 e 30 e na disposición adicional 2ª da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia estarán sometidos ao réxime de protección que a norma establece nos artigos 39, 65 e 96.

 

Deben considerarse como actuacións que non precisan da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as actuacións puntuais de mantemento ou o uso ordinario, de moi escasa entidade técnica e construtiva, xustificadas pola deterioración material dos elementos sobre os cales se propón a intervención, cun alcance moi concreto e parcial e que requiren dunha rápida execución pola ameaza que pode supoñer para a súa conservación ou apreciación.

Estes traballos, que teñen un alcance semellante aos de mantemento recollidos no artigo 40.c) da Lei 5/2016, do 4 de maio, pero que teñen un menor alcance e se realizan con carácter puntual ante unha situación de deterioración, entenderanse sempre de forma restritiva e limitaranse aos da tipoloxía e natureza descritos, como os que se relacionan:

  • A limpeza e retirada de pó ou lixo depositado e non fortemente adherido, sempre que non requira medios auxiliares que poidan comprometer a súa integridade.
  • A eliminación de residuos e depósitos sobre sumidoiros, canlóns e baixantes que formen parte do sistema de evacuación de auga pluvial das cubertas ou a substitución parcial de elementos deste sistema por outros de idénticas características dimensionais e de material, sempre que non supoñan a substitución total de todos eles.
  • A limpeza con técnicas non agresivas e sen afectar o material de soporte existente. En calquera caso prohíbense os chorros de area sobre as fábricas de pedra vista e os chorros de auga a presión precisarán de autorización.
  • A reposición parcial de material de cubrición ou revestimento de fachada movido accidentalmente ou a substitución puntual dalgún elemento deteriorado do material de cuberta, sempre que sexa parcial e sen afectar os elementos estruturais que o soportan e a composición construtiva e formal da cobertura.
  • O axuste de fiestras e portas, sen actuar sobre o material ou cando a actuación sexa moi parcial e limitada sobre os seus elementos de ancoraxe ou axuste.
  • A substitución de vidros deteriorados e a reposición de vidros sempre que se empreguen outros de similar espesor e aspecto que non requiran de técnicas ou materiais diferentes que os orixinais para a súa disposición.
  • A revisión e afianzamento de soportes e ancoraxes de instalacións existentes desprendidas ou deterioradas parcialmente, sempre que non sexa precisa a súa substitución ou reforzo. Exclúense deste criterio as liñas aéreas de transporte de enerxía ou comunicación e as antenas existentes en xacementos ou zonas arqueolóxicas.
  • O corte de herba ou maleza e a roza por medios manuais ou con maquinaria lixeira portátil, sen movementos de terra e respectando todos os exemplares arbóreos existentes ou elementos de xardinaría, así como podas parciais de mantemento.
  • A instalación de medios auxiliares para o desenvolvemento dos traballos agrícolas e forestais de escasa entidade como guías e proteccións individuais, así como o amoreamento e movemento do propio produto do cultivo, sen afectar elementos recoñecibles da paisaxe como os propios camiños, cómaros, valos, socalcos, sebes e outros de natureza análoga.
  • O cultivo de terreos sempre que non sexa precisa a modificación das rasantes existentes e os traballos que se produzan a nula ou escasa profundidade, e sempre fóra dos bens arqueolóxicos.
  • A reposición ou reparación que inclúa a substitución puntual e parcial dos elementos de xardinaría, pavimento e mobiliario urbano por outros análogos.
  • A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais ou deportivas, romarías, encontros, concertos, e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo maior de 72 horas, sempre que non se afecten materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.
  • A venda ambulante, nos casos en que non estea prohibida pola lexislación sectorial na materia.

Tampouco precisan da autorización previa as actuacións en inmobles protexidos cun nivel de protección ambiental que non afecte os elementos e valores que determinaron o alcance da devandita protección, como obras de fontanaría, modificación de distribucións interiores, novos azulexados, pavimentos e outras semellantes que non afectan a envolvente do edificio.

Se en calquera momento, por falta de previsión ou por circunstancias sobrevidas, as actuacións indicadas propostas ou en realización sobre bens protexidos polo seu valor cultural superan o alcance definido, deberá requirirse a paralización da intervención e que se definan axeitadamente as actuacións necesarias para a súa autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural.

Para o caso das intervencións de mantemento que teñen un carácter continuo ou periódico, deberá avaliarse a posibilidade de establecer ou requirir a elaboración dun protocolo ou proxecto de mantemento adaptado ás características propias do inmoble, sempre que resulte proporcionado á previsión das intervencións ou aos especiais valores culturais do ben.

De ser o caso, e unha vez que o devandito protocolo de mantemento sexa autorizado, poderán entenderse autorizadas todas as intervencións que o desenvolvan, sempre que se teñan especificado convenientemente as características técnicas e materiais das operacións e a súa vixencia e periodicidade, así como os criterios para a avaliación da súa eficacia e necesaria revisión, se for o caso.

Isto é, que unha vez autorizado un protocolo de mantemento, a realización das operacións que o desenvolvan ao longo do tempo e ata que sexa necesaria a súa revisión en función dos indicadores obxectivos que se establezan tampouco precisen de posteriores autorizacións.

O mesmo procedemento poderá establecerse ou requirirse para o caso de rozas de mantemento e limpezas periódicas de vexetación nos solos afectados por ámbitos de protección do patrimonio cultural, especialmente nos contornos de protección do patrimonio arqueolóxico, así como para determinadas operacións de mantemento dos tendidos de liñas eléctricas.