Axudas, subvencións e bolsas : Axudas para o libro dirixidas á tradución

Axudas para o libro dirixidas á tradución

En réxime de concorrencia competitiva

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas para o libro, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución á lingua propia de Galicia de obras publicadas orixinariamente noutros idiomas. Este ano esta convocatoria pasa a sufragar os gastos de tradución, cun orzamento de 200.000€. A maiores, convocarase outra liña de subvencións dirixidas á edición, comercialización e distribución do libro, tamén cun orzamento de 200.000€.

As axudas convocadas no DOG, en réxime de concorrencia competitiva, teñen como obxectivo continuar apoiando que as empresas editoriais galegas conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción, ao tempo que se favorece que se poidan atopar na nosa Comunidade e en lingua galega os textos significativos producidos no exterior.

Facilidades para a tradución ao galego
O importe das axudas destinarase a sufragar, total ou parcialmente, os custos de tradución da obra literaria, dos que se aboarán un máximo do 90%. A tradución da obra para a que se solicita a axuda deberase publicar despois da data da resolución de concesión desta convocatoria.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución, aquelas persoas físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na orde de convocatoria. Cada empresa editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 20 obras.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo, tendo en conta que os solicitantes destas su¬bvencións poden estar situados en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que impiden e imposibilitan a presentación electrónica de solicitudes.

Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas figuran o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego, doutras comunidades autónomas ou doutros países, a extensión da tradución e as características da mesma (se se trata doutras linguas ao galego, viceversa e se son obras dun autor clásico ou non). Ademais, dáse prioridade á tradución das obras de poesía.

Estado de tramite: En trámite

Comparte