Aviso: I Concurso de Fotografía Museo Massó

I Concurso de Fotografía Museo Massó

Convocatoria para poñer en valor aspectos patrimoniais do noso entorno marítimo

O Museo Massó convoca a I edición do Concurso de Fotografía "Museo Massó".
O tema proposto é “A carpintaría de ribeira tradicional”, coa intención de recoller testemuñas das embarcacións tradicionais e das estruturas, espazos e traballos relacionados cos estaleiros nos que se constrúen estas embarcacións tradicionais, tanto na Comunidade Autónoma Galega coma noutros lugares.

Este concurso ten como finalidade o fomento da educación patrimonial ao través da fotografía, e recoller calquera aspecto que contribúa a poñer en valor este patrimonio cultural, ben sexa pola súa conservación ou aspectos que denuncien o seu estado.

As obras serán valoradas atendendo fundamentalmente a tres criterios: estético, técnico e documental.

Condicións: As fotografías deberán ser feitas ex profeso para este concurso e non se admitirán obras seriadas. É imprescindible que xunto cos datos do participante apareza identificado o ben fotografado, coa súa localización, nome do estaleiro e se fose posible, o do carpinteiro se estivera en activo.

Participantes e obras: Poderá participar toda persoa que o desexe, cun máximo de tres obras.

Premios: A obra gañadora recibirá 300 €, a segunda 150 € e a terceira 75 €. Todas elas, xunto a unha selección máis ampla serán expostas en varios lugares.

O prazo de presentación das fotografías permanecerá aberto do 15 de agosto ao 30 de setembro.
As bases completas poden consultarse no documento anexo: Bases completas e formulario de inscrición

Estado de trámite: Resolto

Comparte