O libro, o audiovisual, as artes escénicas, a música, as artes plásticas e visuais, o patrimonio cultural e as institucións da memoria (bibliotecas, arquivos, museos e fundacións de autor) conforman os piares da Estratexia da Cultura Galega.
Sobre estes ámbitos, cómpre avanzar no deseño de plans e de medidas concretas que permitan reforzar a dinamización da lectura, impulsar o libro como elemento estratéxico de mercado, favorecer a proxección exterior da industria audiovisual, crear novas canles de negocio para a música, consolidar unha oferta escénica ampla e de calidade, propiciar novos procesos de creación e de difusión das artes plásticas e visuais, así como potenciar a conservación do patrimonio cultural.
Eixes transversais
Ademais, a Estratexia da Cultura establece unha serie de eixes transversais que atinxe o conxunto de sectores da cultura:
- O estímulo para os procesos de creación cultural en cada unha das súas vertentes: literaria, escénica, audiovisual etc.
- O financiamento da cultura: participación privada, colaboración público-privada e participación da sociedade no seu financiamento.
- A gobernanza na cultura, coa aposta pola cooperación e o traballo en rede.
- A cultura dixital e impacto do dixital na cultura.
- A internacionalización e proxección exterior, cos beneficios que reporta para o propio territorio.
- O diálogo entre cultura e educación.
- A lingua galega, para contribuír desde todos os sectores á difusión do noso idioma propio.
- A inclusión cultural.
- A participación e a visibilización das mulleres na cultura.
- O turismo cultural, tendo moi presente o horizonte do Xacobeo 2021, en tanto que oportunidade para a dinamización da nosa cultura a todos os niveis.
- A innovación e a tecnoloxía.
- A Cidade da Cultura de Galicia.