Adegas de Vilachá (A Pobra de Brollón)

Constitúe un conxunto de arquitectura tradicional vinculado ao viño, destinado á produción e conservación de tan prezado produto. As construcións da actuais adegas remóntase ao século XVIII-XIX, pero probablemente a súa orixe sexa moi anterior, relacionada coas repoboacións da alta idade media, e ligadas a algún dos mosteiros da Ribeira Sacra (tense citado o de Montederramo ou o de San Vicente do Pino) a través dalgún priorado local, hoxe desaparecido, pero do que fica o coñecemento popular, xa que na zona se fala do Val dos Frades.

A súa singularidade, ademais da súa representatividade como unha parte esencial no ciclo do viño, está na súa disposición e no número de instalacións, ata conformar practicamente un barrio exclusivo para esta función.

Na parroquia de Salvadur, no lugar de Abelaira, escolleuse este espazo con probabilidade pola súa eficacia para madurar mellor o viño, que sería traído xa elaborado. Estas dependencias e a súa agrupación facilitarían a custodia e garda do prezado produto. Se trata dun grande conxunto de edificacións, máis de corenta, de cachotería cun simple oco de entrada con groso lintel de madeira, sen necesidade de máis luz, de paso suficiente para o movemento dos grandes pipos e bocois, cunha cubrición sinxela de lousa sobre estrutura de madeira. Algunhas están parcialmente soterradas, polo que a súa integración no territorio é óptima así como as condicións para a conservación do viño.

O seu estado de conservación e bo, foron restauradas no ano 1996 pola Xunta de Galicia, e o seu uso está relacionado co viño, coa súa cata e coa posta en valor en xeral da actividade a través de actividades de difusión e hostalaría, así como unha festa ao redor do viño no mes de maio.