As adegas e os sequeiros

É a propia vivenda a que adoita recoller as funcións de adega, corte, curral e celeiro. A disposición complexa sobre o terreo e a escaseza xeral de terreo dispoñible xustifican a acumulación de funciones nas casas localizadas nas ribeiras máis peadas.

Destaca pola contra a construción de adegas de garda nas propias videiras. Son construcións executadas coas mesmas técnicas de uso da cachotería e a pedra en seco, recollida do propio lugar e cimentada directamente sobre os socalcos das ladeiras e como continuidade deles. Plantas rectangulares ou cadradas de un só oco de acceso, xeneroso, normalmente cunha porta de dous follas, e algún pequeno oco de ventilación sen contrao e resgardado. As cubricións, normalmente a un auga, seguen a caída da pendente e, na súa posición parcialmente soterrada poden poñerse como exemplo de integración no seu ambiente. En casos excepcionais, existen agrupacións destes conxuntos de adegas, como o caso de Vilachá, ou grandes bodegas retiradas das pendentes, a medio camiño dos núcleos dos vales altos, que seguindo unha tipoloxía e funcionalidade semellante acadan unha meirande dimensión, ou construcións de tipo cova, cunha fachada e unha cuberta que se estenden á entrada dun espazo escavado na terra.

Estas dependencias poden acoller os lagares, que no caso das casas grandes e dos pazos da zona eran dependencias asociadas á propia edificación principal, aínda que tamén existen mostras de lagares rupestres, localizados nas propias ladeiras e inmediatos ás videiras, dos que apenas fica a pegada sobre a rocha ao ter perdido a súa funcionalidade.

En relación co uso da castaña, tamén pode destacarse a presenza, ao pé mesmo dos castiñeiros e afastados dos núcleos de poboación, dos sequeiros, construcións da mesma tipoloxía de pedra en seco destinadas ao secado da castaña. Estas dependencias, como as adegas de garda das videiras, podían acoller nas temporadas de traballo a residencia provisional das persoas que as traballaban.

No seu interior se diferencian os espazos dun pequeno cortello para cebar os porcos co produto sobrante, un almacén de leña e zona de paso e un lar no que se facía o lume para o secado da castaña nun canizo, unha trama de madeira a altura do piso no que estender as castañas. Noutros núcleos existen tamén agrupacións de sequeiros, normalmente de pequenas dimensións e orientados á entrada dos camiños.