No que respecta á actividade agrícola, respectarase a estrutura do territorio da paisaxe cultural, en especial a que deriva da organización da propiedade e das comunicacións e accesos, tomando en consideración que se trata dunha paisaxe viva sostida por unha actividade agrícola fundamentalmente mantida polo cultivo da vide e o castiñeiro. Esta actividade agrícola, tanto de viñedos como doutras producións tradicionais do ámbito (castiñeiros, oliveiras, froiteiras, etc..) non precisará de autorización previa da DXPC.
A poda ou corta puntual de exemplares vexetais sen aproveitamento forestal que inciden nos predios destinados ao desenvolvemento da actividade agrícola e que non teñen a condición de masas significativas de valor natural poderán ser realizadas segundo os procedementos que se arbitren no marco da lexislación sectorial correspondente.
Tamén poderá realizarse a tala de piñeiros, eucaliptos e acacias, pois a súa eliminación debe ser considerada coma unha prioridade no ámbito da paisaxe cultural. A súa plantación estará prohibida en todo o ámbito da paisaxe cultural.