Día da Ilustración

Unha das datas destacadas do Calendario do Libro e da Lectura 2018 é o Día da Ilustración, que se celebra todos os anos o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Como se vén facendo desde o ano pasado, este día, ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, serve para homenaxear un autor histórico galego. O protagonista de 2018 é Camilo Díaz Baliño.

O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

 

Cartel DI2018 ilustrado por Minia Regos

Minia Regos (Pontevedra, 1983) é a ilustradora do cartel do DI2018. Combinando técnicas dixitais e tradicionais, Minia desprega un persoal universo onírico, poboado de criaturas e paisaxes trazadas con delicadeza e agarimo polo detalle. Entre os seus traballos destacan os libros Cantigas para aprender a soñar (Edicións Embora, con textos de María Xosé Lamas), Casas (Tambre, con textos de Paula Carballeira) e Tac, tac, tac, plof (Narval Editores, escrito por Pepe Monteserín); este último foi seleccionado na Bienal de Ilustración de Bratislava 2017.

O Día da Ilustración 2018 está dedicado a Camilo Díaz Baliño (1889-1936), pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño.

Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2018: Camilo Díaz Baliño

 

Exposición Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada

A Biblioteca de Galicia acolle a exposición Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada. A mostra recolle documentos, imaxes e obras doadas por Isaac Díaz Pardo (fillo de Camilo), á Biblioteca e Arquivo de Galicia. Este arquivo pódese consultar en liña na biblioteca dixital Galiciana.

Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás), do 30 de xaneiro ao 7 de marzo de 2018. Horario: de 8:00 a 21:00 Inauguración: 30 de xaneiro ás 19:00.

Documentos relacionados