Nova: Arranca o Culturgal, tres días con máis dun cento de actividades ao redor da cultura galega

02/12/2016

Arranca o Culturgal, tres días con máis dun cento de actividades ao redor da cultura galega

A Xunta promove na Feira das Industrias Culturais de Galicia os principais programas autonómicos de apoio á cultura galega

O Goberno galego, que conta cun stand institucional e co expositor da rede Eusumo, revalida a proxección do sector como selo de desenvolvemento social e económico

A Consellería de Cultura é a principal entidade patrocinadora da Feira das Industrias Culturais, que celebra a súa novena edición ata o domingo en Pontevedra
 

  • Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, abriu esta mañá as portas da súa novena edición Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, abriu esta mañá as portas da súa novena edición
  • Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, abriu esta mañá as portas da súa novena edición Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, abriu esta mañá as portas da súa novena edición

Pontevedra, 2 de decembro de 2016.- Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, abriu esta mañá as portas da súa novena edición no recinto feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Este espazo reúne ata o vindeiro domingo un cento de entidades e empresas expositoras, ademais de ser o epicentro dun programa de máis de 120 actividades, tanto para profesionais como para o público xeral. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación, mantén o seu apoio como principal entidade patrocinadora do evento, que este ano revalida a proxección da cultura e da creatividade como selo de desenvolvemento social e económico.

Así o subliñou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto inaugural, no que tamén interviñeron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal; e o presidente da asociación Culturgal, Manuel Bragado. En representación do Goberno galego, asistiron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; e a subdirectora xeral de Economía Social, Alba Paz.

Ambiciosa cita multidisciplinar

En palabras do secretario xeral de Cultura, “Culturgal é probablemente unha das citas máis ambiciosas da cultura galega de concepción multidisciplinar”. “Libros, artes escénicas, música, audiovisual, programacións infantís, artes plásticas, tecnoloxía... Todo isto está presente no Culturgal como unha oportunidade para o encontro profesional dos distintos axentes das industrias culturais, pero tamén para o coñecemento do público xeral”, engadiu.

En liña co lema desta novena edición, ‘Cultura, comunidade, futuro’, Anxo Lorenzo defendeu a necesidade de reivindicar o papel das industrias culturais e creativas galegas como o noso “selo de futuro e de proxección internacional como marca de país”.

Durante o seu percorrido inaugural, os participantes neste acto visitaron os espazos institucionais das entidades patrocinadoras, ademais da exposición ‘Pegadas na terra’, na que 18 artistas galegos amosan diferentes vías de se achegar á natureza.

Un dos stands nos que se detiveron foi o da Xunta, que conta con 72 metros cadrados dedicados a difundir a imaxe da cultura galega como motor social e económico a través dos diferentes sectores implicados.

Este expositor, desde o que se ofrece información sobre os principais programas desenvolvidos neste sentido polos distintos departamentos da Consellería de Cultura e Educación, será o sábado pola tarde o escenario de dúas actividades vinculadas ao programa de dinamización lingüística FalaRedes: a presentación do vídeo musical ‘A cidade’, co que Uxía e Magín Blanco completan a homenaxe a Manuel María do proxecto ‘Canta o cuco’, no marco da programación Letras Galegas 2016, e a visita da familia Bolechas.

Ese mesmo día, ás 13:15 horas, o secretario xeral de Cultura presentará no espazo Foro o programa Nortear de intercambio cultural entre Portugal e Galicia, xunto con representantes da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP-AECT), e mais da escritora Ledicia Costas e da xornalista Lara Dopazo Ruibal.

Este ano a Xunta de Galicia participa tamén co stand de Eusumo, rede de colaboración cofinanciada polo Fondo Social Europeo e impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Xornadas sobre as redes públicas de distribución escénica

O programa da Feira das Industrias Culturais 2016 arrancou xa ás 10.00 desta mañá coas Xornadas Profesionais sobre Redes Escénicas Públicas de Ámbito Supramunicipal, que organiza a asociación Escena Galega en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais e Culturgal.

Na apertura desta actividade, o director da Agadic valorou como moi necesaria a análise dun asunto de tanta relevancia para o sector escénico como o da distribución de espectáculos, a súa optimización e a súa coordinación. O obxectivo é “que a oferta lles chegue aos espectadores nas mellores condicións posibles”, para o que chamou á colaboración entre todas as administracións implicadas e as compañías privadas cara a unha maior profesionalización artística e técnica, así como na difusión da actividade escénica e na dinamización de públicos.

A Asociación Culturgal, da que forman parte cinco asociacións profesionais –Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Eganet, Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)– que representan máis de 200 empresas do sector, encárgase cada ano da organización desta multitudinario evento, para o que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.

A meirande parte das actividades programadas este ano desenvolveranse arredor dos chamados espazos Foro, Libro, Infantil, Carpa e Cine. O Auditorio do Pazo da Cultura acolle, así mesmo, tres espectáculos especiais protagonizados por SonDeSeu (hoxe, 21.30 h), Budiño (mañá sábado , 21.30 h.) e María Fumaça (domingo, 12.00 h).

Ademais dos concertos e das presentacións de libros, películas e outros produtos culturais, abertos ao público xeral e cun apartado específico parta a oferta infantil, Culturgal conta tamén cunha ampla oferta profesional como escenario para o debate, o diálogo e a procura de acordos.

O stand das cooperativas

Tras a inauguración oficial, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou o stand da Consellería de Economía, Emprego e Industria dedicado ás cooperativas e no que están representadas un total de 11 entidades. Toca salientou o potencial do emprendemento creativo e innovador para xerar emprego de calidade, ao tempo que puxo en valor o sector da Economía Social, xa que, segundo explicou, “representa unha forma de facer empresa na que as persoas traballadoras son as protagonistas”. Deste xeito, subliñou que o Goberno galego avoga por políticas que dean un pulo ao emprendemento e ao traballo autónomo, en xeral, e ás cooperativas e sociedades laborais, en particular. O sector da Economía Social aglutina na actualidade a máis de 7.000 entidades.

Toca afondou na necesidade de seguir apoiando o crecemento das cooperativas e a incorporación de xente nova ás mesmas. Para acadar este obxectivo, indicou que a Xunta dispón de diferentes mecanismos, entre os que lembrou que as compañías deste sector poden recorrer ao Fondo de Economía Social (FES) co que Xesgalicia achega financiamento.

A secretaria xeral informou tamén sobre as ferramentas das que dispón a Administración autonómica para apoiar o emprendemento como son a Unidade Galicia Emprende para dar unha resposta en menos de 30 días aos proxectos presentados ou a Oficina Doing Businnes, dirixida a estudar as suxestións dos emprendedores cara a reducir as trabas burocráticas á actividade empresarial.

Así mesmo, fixo fincapé no decreto de Regulación Integrada de Actividades Económicas e apertura de establecementos, que desenvolve a Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia no tocante á eliminación das licencias municipais. Este regulamento crea as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que facilita aos emprendedores as tramitacións a levar a cabo ante a administración, achegándolle seguridade e garantías na posta en marcha dos seus proxectos.
 

Comparte