Nova: Agolada clausura o III Campamento Musical e bota a andar o X Curso Internacional de Percusión

31/07/2015

Agolada clausura o III Campamento Musical e bota a andar o X Curso Internacional de Percusión

Ambas as dúas son experiencias que favorecen a formación musical compartida das xeracións máis novas

Agolada (Pontevedra), 31 de xullo de 2015.- Un total de 140 rapaces e rapazas procedentes de toda Galicia, de entre 10 e 20 anos, participaron desde o pasado día 27 de xullo e ata hoxe no Campamento Musical de Agolada, promovido pola Asociación Agolada Crea. No acto de clausura do campamento, que tamén incluíu a apertura do X Curso Internacional de Percusión Agolada, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou as iniciativas que, coma estas, favorecen a formación musical compartida das xeracións máis novas. “É importantísimo –dixo– que poidamos ofrecerlles hoxe, no seu tempo de crecemento, oportunidades de vivencia, de desenvolvemento, de lecer, de contacto coa natureza e co deporte, que lles permitan, ao mesmo tempo, avanzar na aprendizaxe musical”.

Unha experiencia única
Segundo comentou, “as clases instrumentais, as actividades deportivas, lúdicas e medioambientais, os talleres, o talento do profesorado, o concurso musical para intérpretes novos e as actuacións de músicos e formacións de recoñecido prestixio fan deste campamento unha experiencia única”.

En relación ao escenario no que se veñen desenvolvendo actividades, asegurou que “esta comarca do Deza, precursora e referente no ámbito musical en Galicia, é un lugar perfecto para estas dúas experiencias”.

Formación para os máis novos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando iniciativas de formación musical como o campamento San Simón Fiddle, o único campamento de violín tradicional para nenos e nenas de Europa, ou o Encontro Galego de Saxofón, organizado pola Asociación Sax Factory co obxectivo principal de reforzar a formación específica para saxofonistas e estudantes de saxofón.

Aprendizaxe musical e actividades ao aire libre
O campamento musical de verán de Agolada está dirixido a rapaces e rapazas de entre 10 e 20 anos interesados en compaxinar a aprendizaxe ou perfeccionamento do seu instrumento (frauta, clarinete, saxofón, oboe, fagot, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, violonchello, contrabaixo e percusión) con actividades ao aire libre. O curso, que ofrece actividades musicais orientadas a fomentar a práctica instrumental combinando coa práctica en conxunto e en banda, contou este ano coas actuacións da Banda de Música de Agolada, Odaiko, Hércules Brass, Skirion, Filhartompia, Zoar Ensemble, Compromiscuo e BIG BAND.

Desde hoxe e ata o 3 de agosto, Agolada tamén acollerá a décima edición do Curso Internacional de Percusión Merza Percusión, na que están inscritos 80 alumnos e alumnas e que terá como profesores e profesoras a Nick Woud, Roman Kuonen, Aleix Tobias, Antonio Sánchez, Lucía Carro, Diego Ventoso, Dejam Tamsen, Carlos Castro, Ton Risco e mais a Carlos Vázquez.

Comparte