Evento: Ruta do Bidueiral de Gabín
Ruta do Bidueiral de Gabín
O espazo natural do Bidueiral de Montederramo está situado entre a Ribeira Sacra e o macizo central de Queixa-Manzaneda. Trátase dun conxunto boscoso dunha grande importancia ecolóxica, integrado na Rede Natura 2000. É un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana que se atopa máis ao sur de Europa.
O percorrido de Espazos Sonoros iníciase no Campo do Casar, intérnase no bidueiral e transcorre por unha das máis vizosas e espectaculares fragas de Galicia, con abondosas mostras de especies autóctonas coma bidueiros, carballos, acivros, abeleiras, cancereixos, arandeiras, e unha variada fauna de corzos, xabarís, lebres, aguias, mouchos e azores, entre outras especies. Para achegarse ao punto de saída, haberá que dirixirse primeiro á localidade da Mogaínza, do concello de Montederramo, e logo tomar unha pista de terra ata o Campo do Casar. De tipo circular, o percorrido devolveranos ao punto de saída para volver á vila de Montederramo e participar, antes do concerto, nunha visita guiada polas dependencias do mosteiro.
Hora e lugar de encontro: 12.30 h, no Campo do Casar
Duración: 3 horas e media aprox. (con parada para tomar un pequeno refrixerio)
Distancia: 9,4 quilómetros aprox.
Dificultade: media
Capacidade máxima: 60 persoas
Inscrición: do 2 ao 13 de setembro, en actividades@espazossonoros.org
Non esquezas:
- Calzado cómodo para camiñar
- Unha gorra para o sol
- Un impermeable por se chove
- Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
- Auga, chocolate e unha mazá para o camiño