Evento: Obradoiro de achegamento á música antiga
Obradoiro de achegamento á música antiga
Pablo Ruibal, viola de gamba baixo
Eva-Maria Rusche, clave
Angela Ambrosini, viola de chaves soprano
Marco Ambrosini, viola de chaves contralto
Víctor Blanco, danza
Modera, Andrés Díaz
A achega de Espazos Sonoros á música antiga lévanos, desta volta, ao mundo da danza histórica. O punto de referencia será o rico panorama musical que arrinca co século XVI, coa aplicación da imprenta de tipos móbiles á música, un contexto que axudará a difundir a danza máis alá dos ambientes das cortes reais. Importantes editores musicais, sobre todo en Francia e Italia, contrataron músicos profesionais co fin de facer arranxos de pezas para convertelas en danzas, de maneira que unha música de gran calidade penetrou no tecido da burguesía europea, ata o de entón e na súa maioría mera espectadora das espléndidas celebracións musicais relixiosas e reais. A partir de agora, tamén os músicos amadores, xunto coas súas familias e amigos, poderán gozar nas súas casas da música de danza. E con esta intención de recrear o momento histórico de expansión da danza que propiciou o emprego da imprenta para a edición de música, xuntarémonos no mosteiro de Sobrado para vivir unha tarde de músicas e danzas antigas.
A través da proxección de imaxes, os e as participantes gozarán da contemplación de facsímiles dalgunhas das máis destacadas edicións de música de danza da época e de representacións pictóricas e gravados debidamente contextualizados. Naturalmente, haberá lugar para a música ao vivo, coa interpretación de diferentes tipos de danzas da época, pavanas, gallardas ou courantes. Como elemento esencial da tarde e deste obradoiro montarase, coa participación activa do público, unha coreografía sinxela coa que experimentar as mesmas sensacións e emocións que divertiron as mulleres e os homes do século XVI.
Capacidade máxima: 60 persoas
Inscrición: do 19 ao 30 de agosto, en actividades@espazossonoros.org
Público: para todos os públicos
Máis eventos de tipo Obradoiro