Patrimonio: BITÁCORAS CASTREXAS

BITÁCORAS CASTREXAS

Blogs divulgan os traballos de intervención nos castros de Baroña e de Viladonga

Que había pensar un castrexo de Baroña se vise a piña de arqueólogos en fila india sobre o que un día foi un paso estreito no corazón do seu sistema defensivo? Esta é unha das reflexións compartida no blog divulgativo coa que o equipo de rehabilitación nos fai partícipes do seu día a día na intervención no castro de Baroña (Porto do Son), co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio...

Ler máis

Con esta bitácora, o equipo de arqueólogos -que están desde abril a consolidar as estruturas da muralla coa fin de evitar posibles derrubas- trasládannos, cun relato ameno e accesible, os minuciosos traballos que realizan nesta intervención que cualifican de "reto, e dos grandes", máis ao tratarse dun xacemento "tan visitado". 

Con esta mesma intención de compartir e facer visible cara á sociedade os esforzos de mantemento e conservación naceu o blog do castro de Viladonga (Castro de Rei), no que non só podemos estar ao día das tarefas de acondicionamento e consolidación arqueolóxica, senón de actuacións para mellorar, por exemplo, a accesibilidade visual.

Precisamente, estes días tiveron a visita dunha técnica da ONCE, que lles trasladou varias recomendacións neste senso e poder estudar solucións que faciliten o acceso do público con dificultades visuais, tanto ao edificio coma aos contidos da exposición e ao castro.

Estas cuestións que se relatan nos blogs poñen en valor o fascinante labor do equipo de profesionais que hai detrás destas intervencións nos castros para que as galegas e galegos continuemos a gozar deste importante patrimonio.

 

 

 

Comparte